14/11/2025

Trini Palacios traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Doe pensalo, é duro dicilo, pero a morte de Teresa de Jesús puido evitarse. Un asasinato que conmocionou á sociedade, pero que a nós, as sociosanitarias do servizo de atención á dependencia, non nos sorprende. Dóenos e indígnanos porque sabemos que puido evitarse.

Prestamos un servizo público esencial pero estamos en mans de empresas privadas que priorizan o beneficio económico por riba do benestar das traballadoras e das persoas usuarias. A súa cobiza mátanos. Poderiamos falar do esforzo físico que realizamos día tras día, levantando soas pesos sen axudas técnicas. Unha de cada cinco traballadoras vai medicada ao traballo, mentres a patronal, desde as súas cadeiras de coiro, pide que a nosa xubilación sexa aos 70 anos e esíxenos cada día máis. Pero tamén poderiamos contar as nosas experiencias en domicilios onde nos agreden física e verbalmente, onde nos acosan sexualmente, onde che ofrecen diñeiro a cambio de favores sexuais ou che humillan e degradan, e non só por parte de persoas usuarias con deterioro cognitivo: tamén hai familiares que o fan. Séntense con dereito a berrarche, insultarte ou agredirte.

Doe pensalo, é duro dicilo, pero estamos afeitas a todo iso e máis. E non hai estatísticas de cantas traballadoras son agredidas, nin moito menos de cantas foron asasinadas por persoas usuarias ou por algún membro da familia, porque todo se tapa. Ocúltase porque nós somos invisibles.

E todo iso por un salario indigno. Segundo recolle a Carta Social da Unión Europea, as nosas retribucións non entran nos parámetros dos salarios dignos. Somos as temporeiras da dependencia e estamos no límite do empobrecemento. No futuro seremos xubiladas pobres e, ademais, enfermas.

E por se fose pouco, nin sequera temos recoñecidas as enfermidades profesionais. Para as mutuas tampouco existimos, e derívannos á Seguridade Social, coa perda económica que iso supón se collemos unha baixa polas doenzas derivadas do noso traballo. E non só iso: se te agreden nun domicilio e iso che provoca unha baixa, non se considera accidente laboral, senón baixa por enfermidade común, o que é intolerable.

Os gobernos autonómicos e municipais retribúen e aumentan os beneficios destes chiringuitos. Empresas multiservizos, explotadoras de traballadoras que todas pagamos cos nosos impostos. Privatizando servizos nos que o primeiro paso é a perda de dereitos das sociosanitarias e o encarecemento da atención ás persoas dependentes. Un sector onde a prevención de riscos é unha quimera, porque non somos máis que persoal de baixo custo. Non valoran a nosa profesionalidade nin respectan o noso traballo, principalmente porque nin sequera nos miran. Somos invisibles pero non prescindibles, porque se nós paramos, párase o país.

Gustaríame dicirlle á sociedade en xeral que non só debemos loitar por un sistema sanitario público: o sector da dependencia tamén debe ser público. Non podemos permitir que os nosos impostos caian en mans de voitres que destrozan vidas.

As sociosanitarias do SAF temos que organizarnos e deixar atrás os medos, os silencios e a resignación. A unidade debe prevalecer sobre as diferenzas. Pedimos unión e ter como meta un obxectivo común: dignificación e respecto pola nosa profesión. Temos que seguir loitando e presionando, facendo fronte ás persoas explotadoras e a todas aquelas que organizan un minuto de silencio ou unha manifestación, pero o resto do tempo miran para outro lado. Debemos defender os nosos intereses e dereitos porque niso vai a nosa vida.

Que o nome de Teresa nunca se esqueza. Que nos sirva de inspiración e nos dea a forza que precisamos para acadar os nosos obxectivos.

Descansa en paz, compañeira, nós non te esqueceremos.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies