A xuíza ourensana obtivo, na Comisión de Peticións, o respaldo de todos os Grupos parlamentarios
María Dolores Fernández Galiño (Carballiño, 1963), xuíza, feminista e galeguista, repetirá cinco anos máis como Valedora do Pobo. Proposta polo Grupo Popular, o pasado venres compareceu na Comisión de Peticións onde obtivo o respaldo de todas as forzas políticas que avaliaron de xeito positivo o seu traballo ao fronte dunha institución mediadora e defensora dos dereitos da cidadanía.
A sintonía de Fernández Galiño co conxunto de forzas de representación parlamentaria ven sendo habitual ao longo do seu mandato, un feito moi salientable especialmente se temos en conta que a xuíza ourensana chegou a unha institución moi criticada no seu día e mesmo cun proceso de contratación de persoal ás portas dos tribunais de Xustiza.
(P) Cómo se lle da a volta a unha institución para devolverlle o prestixio e o respecto dos cidadáns e das administracións?. Como se logra ese equilibrio entre a reivindicación, a xustiza, a denuncia dun mal servizo e os acordos?.
(R) A palabra chave é equilibrio. Comparecín esta semana na Comisión de Peticións e na réplica insistía un pouco no que estamos a falar de equilibrio. É certo que recibimos o apoio do Parlamento, pero non é un apoio grautíto senón froito do traballo dun equipo todo o ano, e ano tras ano. Un traballo explicado nos Informes con total transparencia e que os parlamentarios coñecen. Na institución valoramos e temos en conta as opinión e valoracións que escoitamos. Naturalmente o apoio fortalécenos, como tamén o fai a colaboración e a resposta das administración ás que se lles piden informes tras as queixas. Cooperación, respecto institucional e enfoque de dereitos humanos; esas son, para min, as claves do equilibrio.
Recíbenos na institución na rúa do Hórreo a onde chegou por primeira vez apenas sete meses antes da pandemia. Seguramente por iso non dubida en sinalar ese momento como o que máis lle impresionou desde que está no posto.
“Levábamos sete meses, poñendo en marcha moitas iniciativas, facendo o informe do ano 2019, propoñendo convenios coas Universidades, sacando adiante un protocolo antiacoso para o persoal da propia institución, definindo os conceptos de acoso, establecendo a prevención secundaria, mediador confidencial, iniciando un contacto moi fecundo coas organizacións do terceiro sector … cando de súpeto, da noite para a mañá, entramos en confinamento… Toda a institución, desde o primeiro día, pasou de presencial a teletraballo, e pasou a traballar en remoto, pasamos ao papel cero… un esforzo tremendo para que non houbera descontinuidade nos servizos..”
Ademais dos cambios e das esixencias internas naquel momento, a Valedora lembra a situación das persoas que achegaban as queixas: “Impresionaba a propia natureza dos temas que se presentaban.. unha crise brutal, unha crise primeiro sanitaria, pero despois houbo unha crise social, un estado de alarma, limitación de dereitos, persoas que estaban a morrer, situacións de maiore svulnerabeis… unha crise enorme, pero saímos adiante.”
A Valedora chegou no ano 2019 e en cada Informe anual recóllese o incremento de queixas presentadas, de resolucións emitidas pola institución. Batendo récords ano tras ano. Para Fernández Galiño ese incremento non é unha mala nova senón un indicador de madurez da poboación: “Entendo que o feito de reclamar forma parte do exercicio dos dereitos das persoas. Se ademais hai un mecanismo que o permite, nun sitio totalmente informal, gratuíto, e cunha inmediatez nas respostas pois creo que a xente anímase a presentar as reclamacións. Ese dereito, ese exercizo, forma parte do empoderamento das persoas”.
(P) Póñalle números á acollida por parte dos galegos e das galegas á institución da Valedora do Pobo
(R) A ver, é que o ano 2024 batemos cifras récord pero o ano 2025 que acabamos de pechar incrementamos significativamente as cifras do ano 2024 pero tamén incrementamos a capacidade de resposta, quero dicir que máis resolucións, máis conclusións positivas – ou sexa que se soluciona o problema antes de que se teña que ditar resolución ningunha- . Claro, estamos falando de que se presentaron o ano pasado 5500 queixas, máis que en outras Comunidades Autónomas de moita máis poboación. Incrementáronse as resolucións pero tamén aumentou a resposta positiva das administracións, aceptando as indicacións que se lle fan..Iso é o importante para a persoa que se achega aquí.. que se lle axuda a resolver o problema e a Administración responde.
(P) As queixas en sanidade medran todos os anos. A Consellería leva, practicamente, a metade do orzamento da Xunta e o 25% das queixas presentadas ante vostede son pola atención sanitaria. Está colapsado o sistema sanitario?, hai que reinventarlo ouxa non ten solución?.
(R) Pois, a fío do que estabamos a falar, a colaboración coas Administracións, en concreto a sanitaria incrementou de xeito paralelo a aceptación das nosas resolucións – ollo, que aceptou prácticamente o cen por cen das mesmas – pero tamén houbo centos de conclusións positivas, situación nas que o servizo xa resolve os casos concretos..pois unha cita pendente, unha revisión, unha cirurxía.. Un aumento destas respostas moi, moi importante.
(P) Cóntenos un secreto; no día a día quen responden mellor ás suxestións ou recomendacións da Valedora, os concellos ou as consellerías?.Con quen se traballa mellor?
(R) A ver a colaboración en xeral é boa con todas as administracións. Certo que ás veces hai que facer un pouco de pedagoxía cando nos responden que están saturados que non teñen medios ou orzamento … pois se cadra si que tes que facer un pouco de pedagoxía explicando o noso labor e explicando, tamén, que iso non xustifica que non se lle dea a resposta a un cidadán. Pódese atopar nos nosos Informes toda a información sobre as administracións que responden, os requirimentos que hai que enviar a cada unha.. bueno, todos os datos pero realmente non podemos dicir que se traballe mellor cunhas ou con outras. Prefiro resaltar a colaboración que, en xeral, obtemos de todas.
(P) Na súa primeira memoria como Valedora situou a institución no camiño da consecución dos obxectivos da Axenda 2030. Faltan catro anos e en lugar de camiñar cara á consecución deses obxectivos dá a impresión de que estamos nun momento aínda máis difícil..conflitos, desigualdade, encarecemento, enfrontamentos mundiais, cambio climático.. que se pode facer desde un organismo como o que vostede lidera para evitar a catástrofe á que parece que nos achegamos aos poucos?.
(R) Bueno, falábamos antes da pandemia e da tremenda crise social, sanitaria, económica.. Logo a guerra de Ucraína..despois Gaza… a xeopolítica.. todo isto redunda en crise, en moitos lugares, dos dereitos humanos..e fronte a iso a capacidade de resposta das institucións democráticas pero tamén o empoderamento da cidadanía. O noso papel está aí, contribuíndo a ese empoderamento, a darlle voz á xente, darle canles ás persoas. Tamén en poñer en valor os dereitos das persoas e ser conscientes de que hai que garantir e hai que avanzar en procura dos dereitos e na ampliación das liberdade sindividuais.
(P) Tamén o feminismo foi a súa bandeira. Nos últimos meses o acoso sexual saltou ás páxinas dos xornais.. políticos, figuras públicas de renome.. que está a pasar.. as mulleres perderon o medo, as empresas ou os partidos fracasaron na prevención e axuda…?.Cal é o seu diagnóstico?
(R) Se me deixa compartir unha reflexión, como maxistrada do laboral que fun, un repaso un pouco rápido do que levamos vivido neste tema.. Nos anos 80, cando entrei na Xudicatura, hai que dicir que non había propiamente unas leis que prohibisen ou nas que se fixese un reproche legal doacoso non ámbito laboral. E case tampouco estaba case reprobado socialmente..dicíase “bó é un mal educado que non sabe tratar ás mulleres…” . A finais do ano 89 empézanse as modificacións legais, os estatutos do persoal na función pública e no ano 1995 modifícase o código penal. Ao mesmo tempo aparecen tamén sentenzas, as primeiras, as pioneiras vinculando a posibilidade de incorporar indemnizacións por vulneración de dereitos que se estableceu no Estatuto dos Traballadores.. Un camiño de avances que nos anos oitenta parecían imposibles. Hai retos?, por suposto..a valoración da testemuña da vítima, evitando a discriminación por xénero..hai que evitar a vitimización secundaria, a sinalización das vítimasna propia contor na polo feito de denunciar..hai retos pero en vinte anos é difícil corrixir unha dinámica de séculos aínda que creo que estamos no camiño que debemos seguir.
(P) Continuando coa súa aposta polo feminismo. Significouse na defensa da inclusión da violencia económica e a violencia vicaria nalei de prevención de violencia de xénero e no pacto de Estado. Que cre que aínda falta naloita contra a violencia machista para evitar o incremento de vítimas e poñer fin a esta secuela social?
(R) Pois falando do Pacto de Estado, das medidas que se aprobaron no ano 2025, falábase de tres eixos que era dos que estabamos a falar: a violencia económica, a violencia vicaria e a violencia dixital. Aítemos os retos, as eivas… a violencia dixital que se abre paso.. a violencia atopa novas canles.. o tema da pornografía o tema de suplementación de identidade cando se crean esas imaxes. As difusións de venganza, de vídeos de venganza..aíhai que dotar de instrumentos normativos e medios sociais, económicos, xurídicos.. formar para detectar e avaliar estas novas formas de violencia. Seguir concienciando á socidade e atender aos grupos que poden ser máis vulnerabeis fronte á violencia e moi especialmente diante destas novas manifestacións.. as mulleres con diversidade funcional, as mulleres maiores, as mulleres de contornas máisrurais.. E, por suposto, o tema da “trata”, da explotación sexual. Aíhai que seguir traballando e mellorando as ferramentas de detección da violencia, prevención e atención ás vítimas.
(P) Ademais das queixas en sanidade tamén sobresaen en temas como dependencia e educación. Os maiores e os menores..quen máis necesitan á Valedora do Pobo?.
(R) Xa no ano 2021, no Informe no que espuxemos as limitacións da pandemia, quixémos elevar un capítulo primeiro falando dos colectivos vulnerabeis que resultaron moi afectados polo crise sanitaria. Entón falabamos de idadismo, desoidade, desas mortes en soidade… Falábamos tamén da necesidade d edarlle ás persoas maiores o dereito para decidir sobre o seu propio proxecto vital, poder decidir onde queren vivir e darlles os apoios precisos. Falábamos tamén das mulleres, moi prexudicadas polo tema da pandemia, polos coidados asumidos maioritariamente por elas, e pola propia precariedade laboral na que … Mulleres que traballaban en economía negra, que non foron atendidas polos ERTEs. .ou o propio tema da violencia de xénero, confinadas co agresor e sen posibilidades de pedir axuda. Falábamos das especiais dificultades das persoas con discapacidade que dependían moitas veces dos coidados de persoas que estaban a enfermar.. en fin..persoas migrantes con menos dereitos e servizos… Os nenos e nenas, especialmente os que teñen alguna necesidade especial… pois si.. os grupos de persoas para os que esta institución é especialmente necesaria.
(P) Este pasado ano foi o primeiro completo da Autoridade Galega de Protección do Denunciante de recente creación e que está baixo o seu paraugas. Cre que este organismo é suficientemente coñecido?. Como podería explicar a función do mesmo e para quen está previsto?.
(R) Non é aínda suficientemente coñecida a súa función principalmente porque a Directiva europea do ano 2019 se trasfusou moi tarde ao dereito español e demorouse a propia creación das propias Autoridades – tanto é así que a estatal creouse posteriormente á existencia da galega -. A Autoridade nace dunha cultura máis propiamente anglosaxona e trátase dun mecanismo que debe introducirse e desenvolverse para que sexa coñecidoe utilizado por parte da ciudadanía. O obxectivo é protexer á persoa denunciante de corrupción que obteña información dentro dun ámbito laboral ou profesional, dándolle protección fronte a represalias que se poidan derivar. Digamos fortalecer as estruturas de resposta diante das comunicacións tanto nas canles internas como nas externas. Protexer á persoa que denuncia, evitar represalias e contar cunha ferramenta máis para eliminar a corrupción.
(P) Como dicíamos ao inicio da entrevista, afronta vostede un novo mandato. Cales definiría vostede como os retos de futuro da institución?.
(R) Pois o reto de futuro é seguir avanzando na defensa dos dereitos dos galegos e das galegas, adaptándonos tamén aos retos que están aparecendo socialmente. Un dos máis relevantes é o da pegada da intelixencia artificial, os riscos que se poden producir no uso indiscriminado .A suplantación de identidade; a intervención, como dicir, nos procesos neuronais das persoas.. os procesos de pensamento, de comprobación da opinión pública..iso, seguir traballando, adaptándonos á evolución dos tempos..aos cambios, ás amenazas.
(P) E finalmente, cómo van os Premios Valedora deste ano?.A sexta edición?
(R) A sexta, a sexta.. comezamos no curso 2020-21. Son os premios ao mellor TFG e TFM en materia de igualdade de xénero. Primeiro asinamos un convenio coas tres universidades galegas. Este ano xa rematou o prazo de presentación de traballos. Cada ano temos máis participación e, desde logo, unha calidade moi importante nos mesmos. A verdade é que é un proxecto moi ilusionante. Tentamos favorecer a investigación de xénero e darle visibilidade e difusión aos mesmos e estamos moi, moi felices co resultado. Un proxecto realmente ilusionante.

