19/01/2026

A Coruña dende Nova York: a distancia cada vez maior entre a foto e a realidade

Por Trinidad Palacios, voceira de Movemento Sumar Coruña

A política municipal debería estar pegada á vida da cidade. Por iso tantas persoas estamos sorprendidas estes días ao ver á alcaldesa en Nova York nunha viaxe institucional chea de fotos pero baleira de explicacións. As imaxes circulan por todas partes, pero seguimos sen saber cal era o obxectivo real nin que beneficios concretos traerá para A Coruña. E cando a posta en escena ocupa máis espazo ca a información, a distancia entre quen goberna e quen vive a cidade faise cada vez maior.

Mentres esa posta en escena internacional tomaba protagonismo, na Coruña seguían pendentes asuntos de fondo. O caso dos aparcadoiros concesionados é un deles: débedas acumuladas, pouca supervisión e anos de desorde. Neste contexto, Lage Tuñas, o número dous do Goberno municipal, prefire mirar cara atrás e buscar culpables en etapas anteriores. Pero a pregunta relevante está diante: por que quere volver entregar estes aparcadoiros a empresas privadas e non apostar pola xestión pública que aumente a recadación e evite novos problemas?

Falamos de máis de corenta parkings privados que durante anos funcionaron con escaso control. Non é azar: é unha elección política.

O mesmo ocorre co Servizo de Axuda no Fogar. Movemento Sumar Coruña presentou hai dous meses 16 medidas concretas e pedimos unha reunión formal. A día de hoxe, non houbo resposta. E cando un servizo esencial para persoas dependentes e para as traballadoras que o sosteñen queda varado, a mensaxe para a cidadanía é clara: non está entre as prioridades do Goberno.

No conflito entre o taxi e a VTC, tamén se manifesta unha forma de gobernar. O taxi representa un servizo público, mentres que a VTC é un modelo privado orientado ao beneficio empresarial. A Xunta ten unha responsabilidade principal e é necesario lembralo; pero o Concello tamén dispón de competencias claras: pode sancionar cando unha VTC realiza traxectos urbanos, e leva meses sen exercer esa capacidade. A alcaldesa, en varias entrevistas, tenta transmitir que pouco pode facer, como se este asunto lle fose alleo. E non é así. A Coruña precisa coordinación institucional, pero tamén vontade política no que si depende de nós.

Mentres tanto, seguimos sen información transparente sobre o Mundial 2030. Anuncios hai moitos; cifras, compromisos ou límites, case ningún. E a suposta financiación privada que tanto se suxire nunca acaba de concretarse. Un proxecto desa magnitude non pode apoiarse só en expectativas difusas.

A isto súmase a situación do modelo universitario, que tamén debería formar parte das prioridades dunha cidade que aspira a reter talento e impulsar investigación. A implantación de novos graos privados como Biomedicina ou Fisioterapia en A Coruña evidencia un avance do sector privado que se está asumindo sen un debate serio. E chama a atención que, mentres a alcaldesa proxecta imaxe internacional en Nova York, tamén apareza noutras fotografías apoiando de maneira visible a expansión doutra universidade privada xa instalada na cidade, como CESUGA e o proxecto da Universidade Emilia Pardo Bazán. Ese respaldo ten lecturas claras: que diferencia realmente este modelo do que promove Isabel Díaz Ayuso en Madrid, onde o privado avanza a costa do público ao de Alfonso Rueda? Porque quen facilita este escenario en Galicia é a Xunta. E cando a Xunta permite que o privado medre en áreas estratéxicas sen reforzar ao mesmo tempo á Universidade da Coruña, o resultado acaba sendo o mesmo: público debilitado, privado gañando espazo. Cambian os nomes, non o fondo.

Convén lembrar tamén que Inés Rey non goberna soa. Aínda non coñecemos os orzamentos municipais de 2026, pero despois de seis anos de goberno xa intuímos por onde van os asuntos. E cada quen sabe onde está o seu límite e o que decide permitir. Non é unha advertencia, só unha constatación: cando as responsabilidades se comparten, tamén deben asumirse con claridade.

Todos estes asuntos —concesións, servizos sociais, transporte, universidade, grandes proxectos sen concretar— conforman unha percepción moi presente entre a cidadanía: a de que A Coruña avanza polo impulso da súa propia xente máis que pola dirección do seu Goberno. Non é unha análise técnica; é algo que se escoita nos barrios, nas conversacións cotiás e nos sectores que sosteñen esta cidade.

Como coruñesa e como voceira de Movemento Sumar Coruña, só espero que poidamos recuperar o esencial: poñer a cidade no centro das decisións, con diálogo antes de decidir, explicación antes de viaxar e responsabilidade antes de buscar titulares. A Coruña merece máis feitos e menos fotos. E merece un Goberno presente, aquí, onde realmente están os seus retos.

Trinidad Palacios 

Voceira de Movemento Sumar Coruña

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies