Tras a reunión coa Xunta e a Autoridade Portuaria, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, pediulle á Xunta que manteña o seu esforzo inversor para a reurbanización dos terreos
O Concello segue avanzando no desenvolvemento do futuro da fachada marítima. Tras a reunión coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinalou que o encontro serviu para seguir a avanzar nos obxectivos marcados pola alcaldesa da cidade, Inés Rey, en numerosas ocasións: a integración do porto na cidade e a definición dun novo horizonte litoral.
O concelleiro solicitoulle á Xunta que manteña o esforzo inversor que estaba disposta a facer para a urbanización dos peiraos sinalando que “non ten por que existir unha relación directa entre o achegamento das administracións para a adquisición do chan co importe do financiamento para as obras de adecuación destes peiraos”.
O concelleiro asegurou que é importante seguir buscando o consenso entre todas as administracións competentes na comisión de traballo do Porto, que é o único marco válido para facelo ao estar representadas todas as administracións, pero subliñou que estas xuntanzas son importantes para debateren os matices. O edil indicou que o Goberno local mantén a proposta da Alcaldesa de adquirir o 75% do solo co fin de garantir a titularidade pública dos terreos portuarios: “A Xunta e a Autoridade Portuaria entenderon a nosa proposta xa que é unha zona primordial da Coruña”. O concelleiro lembrou que, como sinalara a Alcaldesa, o futuro do Porto é o futuro da cidade “e temos que deseñalo dende a cidade, en colaboración coas administracións implicadas e tamén co resto dos grupos municipais da corporación”.
Na vindeira reunión da comisión de traballo, prevista para setembro, abordarase en
detalle a proposta de convenio de colaboración do Concello coa Xunta de Galicia e
a Autoridade Portuaria da Coruña para a adecuación e humanización dos terreos
ocupados polo peirao de Batería e tamén o proxecto de protocolo para a
reordenación do espazo portuario interior da Coruña. Neste protocolo o Concello
propón a creación dun ente público participado polo resto de administracións
competentes e tamén a elaboración dun Plan Director que estableza os diferentes
usos nas distintas zonas en virtude da súa natureza.