Hai algo que se repite cada Nadal: camiñamos máis pola cidade, falamos máis coa xente e paramos un intre a pensar no que funciona e no que non. Entre luces, ceas familiares e conversas nos barrios, tamén aparece inevitablemente a pregunta de como queremos que sexa A Coruña nos próximos anos. Non falo de promesas imposibles nin de grandes anuncios, senón deses básicos que sosteñen a vida diaria e que unha cidade que se quere xusta non pode seguir adiando.
Se tivese que escribir unha lista de desexos para 2026, o primeiro sería a vivenda. Porque sen vivenda non hai cidade. A crise do acceso a un fogar digno non é allea ás decisión políticas tomadas nos últimos anos. As políticas da Xunta, liderada polo Partido Popular, foron claramente lesivas: ausencia de aposta real pola vivenda pública, abandono de función cara aos concellos e unha defensa sistemática dun mercado que expulsa veciñas e vecinos dos seus barrios. Sen un cambio profundo nesta estratexia, seguirá sendo imposible garantir o dereito á vivenda. O Concello, pola súa banda, ten solo público, ferramentas e capacidade para actuar, pero necesita vontade política e ambición para liderar esta tarefa. Recursos hai; o que falta é execución e decisión para poñer a vivenda no centro das políticas municipais.
O segundo gran desexo ten que ver cos coidados e cos servizos sociais. Unha cidade decente coida das persoas, pero tamén de quen coida. O Servizo de Axuda no Fogar non pode seguir sosténdose sobre condicións laborais indefendibles no século XXI, con traballadoras sometidas á precariedade, cargas excesivas e tempos de atención que non permiten ofrecer unha atención digna. Dignificar o SAF é mellorar a vida das persoas usuarias e tamén recoñecer, por fin, o valor dun traballo esencial que durante demasiado tempo foi invisibilizado. O mesmo ocorre coa atención ás persoas sen fogar e ás situacións de exclusión, que non poden ser invisibles nin tratadas como un problema puntual. Ademais, os concellos non poden asumir sós esta responsabilidade sen unha financiación xusta por parte da Xunta. Coidar custa cartos, pero custa moito máis non facelo.
Outro dos desexos inevitables é desbloquear dunha vez Nostián. A xestión dos residuos non pode seguir sendo unha pataca quente que se pasa de mandato en mandato. Non é só unha cuestión técnica, senón unha decisión política que fala do modelo de cidade que queremos. Cómpre un debate serio, transparente e con visión de longo prazo, pensando non no próximo titular, senón nas próximas décadas.
Tamén penso nos terreos do porto como unha oportunidade histórica. Solo público que pode marcar o futuro de A Coruña durante xeracións. A disxuntiva é clara: ou unha cidade pensada para vivir, con espazo público, vivenda e usos sociais, ou unha cidade pensada para a especulación. Aquí tamén fan falta luz, participación cidadá e valentía política.
Na lista non faltan tampouco as cuestións do día a día que revelan unha preocupante falta de rumbo. Un transporte público cun contrato de buses caducado desde hai anos, barrios con beirarrúas deterioradas e mobiliario urbano abandonado, ou unha política cultural instalada na improvisación. O caso do Teatro Colón é especialmente ilustrativo: a cultura non se resolve con xestos simbólicos nin con decisións unilaterais, senón con organización, planificación e escoita real ao tecido cultural da cidade. O nome de María Casares é un orgullo colectivo e encaixa plenamente nun espazo escénico de referencia como o teatro, pero ese mesmo respecto polo significado das cousas é o que falta cando se impoñen cambios sen consenso como está acontecendo co novo nome da estación de tren da cidade. Sen dirección clara, cunha financiación do IMCE insuficiente e sen diálogo co sector, a política
cultural acaba converténdose nun exercicio de improvisación, cando debería ser xustamente o contrario.
E logo está o Mundial 2030. Onde estamos? A día de hoxe, non o sabemos. A onde imos? Tampouco. Hai novos orzamentos municipais, pero nin unha soa partida clara nin unha previsión concreta vinculada ao Mundial. Sen planificación nin transparencia, o risco é que unha cita chamada a ser histórica quede en pouco máis que un titular.
Algo parecido sucede co cárcere. Durante anos, o actual goberno municipal acusou a anteriores dirixentes de non avanzar neste proxecto. Hoxe, pasado xa tempo suficiente, a pregunta é inevitable: cal é agora a escusa? Sen un proxecto definido, sen prazos e sen participación real, o cárcere segue a ser unha oportunidade perdida.
Todo isto enlaza cun problema de fondo: orzamentos que chegan ano tras ano, cun nivel de execución de investimentos inaceptable e unha administración municipal máis centrada no anuncio que na xestión. Gobernar non é prometer, é executar.
Por último, pero atravesando todo, está a transparencia. Gobernar con claridade, explicar as decisións e escoitar á cidadanía non debería ser unha excepción. A confianza constrúese con feitos, non con anuncios. Estas semanas son un exemplo máis da lameira política que sofre a cidade pola irresponsabilidade e opacidade duns dirixentes carentesde criterio.
Esta non é unha lista de desexos inxenua. É unha lista de compromisos posibles. Porque en A Coruña hai cartos, hai talento e hai unha cidadanía que quere unha cidade mellor. O que falta, demasiadas veces, é vontade política e capacidade de execución. Oxalá en 2026 poidamos dicir que a política municipal estivo, por fin, á altura da súa xente. Ese sería o mellor agasallo.

