Por Trinidad Palacios, voceira de Movemento Sumar Coruña
Faltan menos de dous anos para as eleccións municipais. Os orzamentos de 2026 serán a verdadeira proba de se este mandato serviu ou non para mellorar A Coruña. Non chega con aprobar partidas sobre o papel: cómpre demostrar un proxecto de cidade claro, executado e verificable.
A día de hoxe seguimos sen respostas sobre cuestións decisivas. O futuro dos terreos do porto, que deben ser públicos e servir ao interese xeral, continúa no aire. O novo contrato do bus urbano segue sen avanzar, a planta de Nostián continúa sen solución definitiva e a mellora da mobilidade sostible non pasa de anuncios. No ámbito dos servizos sociais, a nova ordenanza do SAF permanece sen concretarse, e milleiros de persoas usuarias e traballadoras seguen en incerteza.
No caso da vivenda, a situación é especialmente grave. Temos unha Empresa Municipal de Vivenda que non está a cumprir co seu papel: garantir vivenda pública e accesible. A Lei de Bases de Réxime Local, no seu artigo 25.2, recolle expresamente que os concellos teñen competencias en promoción e xestión de vivenda. Polo tanto, non hai escusas: o goberno local sabe que pode actuar e non debe esquecer que esta responsabilidade é súa, ademais da nula xestión da Xunta.
Con todo, seguimos vendo como en lugar de promover vivenda municipal acabamos entregando cidade á especulación. O porto de San Diego é un exemplo claro: ou se planifica vivenda protexida que quede en mans públicas, ou volveremos cometer os mesmos erros. É un reto de cidade que require vontade política e decisión.
Nesa mesma liña, Monte Alto amosa con claridade o fracaso destas políticas. Unha zona que durante anos foi considerada polo propio goberno local como un espazo periférico, problemático e alleo á estrutura urbana, hoxe converteuse nun lugar onde atopar un alugueiro por debaixo de 900 euros é misión imposible. E esta situación, que xa é insostible en Monte Alto, está a estenderse tamén a outros barrios da cidade, onde o acceso á vivenda está cada vez máis restrinxido ás rendas altas.
As beirarrúas están deterioradas, o aparcamento é un problema constante e, mentres tanto, o prezo da vivenda dispárase pola presión especulativa de determinados intereses empresariais da cidade. Monte Alto, que podería ter sido un referente de política pública de vivenda, é agora un exemplo máis de como a falta de planificación e de vontade municipal entrega os espazos veciñais ao mercado. É, en definitiva, a consecuencia directa dunha xestión que renunciou a actuar cando estaba a tempo, aínda que hoxe se intente paliar con medidas positivas como o tope ao alugueiro impulsado polo Goberno central, grazas á presión da esquerda no Executivo.
Porén, os barrios seguen esquecidos. Eu mesma, que desenvolvo parte do meu traballo no SAF en Monte Alto, sei o que é lesionarse nunha fochanca e comprobar como anos despois nada se arranxa. Beirarrúas en mal estado, rúas imposibles de transitar, problemas de aparcamento… a sensación é de abandono total. E se isto me pasa a min, que son traballadora activa e teño certa autonomía, que cidade estamos a construír para aquelas persoas con mobilidade reducida, que tamén se merecen acceder aos seus espazos con dignidade e seguridade?
Cómpre dicilo con claridade: a principal responsabilidade desta situación é do goberno municipal, que leva anos sen exercer un liderado real nin ofrecer un rumbo claro para A Coruña. Porén, tamén hai quen decidiu acompañar esas políticas desde a esquerda, dando apoio a medidas e proxectos que agora critica. Non se pode reivindicar cambio mentres se avalan decisións que perpetúan os mesmos erros. O que A Coruña precisa non é inercia, senón coraxe para corrixila.
En 2025 xa vivimos a improvisación: facturas sen pagar e créditos extraordinarios a metade de ano. Non podemos asumir que esas dinámicas, instaladas en María Pita desde hai seis anos, sexan unha forma apropiada de gobernar.
A Coruña merece planificación, non parches; investimentos executados, non anuncios. Se estes orzamentos non marcan un rumbo firme cara a unha cidade máis xusta, verde e cohesionada, a conclusión será inevitable: este mandato estará esgotado. E non deixaremos de reclamalo, porque sabemos que unha maioría nesta cidade tamén quere un proxecto claro e un futuro de progreso para A Coruña.
Trinidad Palacios
Voceira de Movemento Sumar Coruña