10/07/2026

O BNG reclama melloras urxentes na N-VI ao seu paso por Guísamo

O BNG volveu poñer no foco a N-VI ao seu paso por Guísamo, en Bergondo, cunha nova iniciativa rexistrada no Congreso polo deputado Néstor Rego. A formación nacionalista pide melloras na estrada despois das incidencias detectadas tras as últimas obras executadas polo Ministerio, que, segundo denuncia, deixaron estragos en vivendas próximas sen unha resposta efectiva por parte da administración nin da adxudicataria.

O portavoz municipal do BNG, David Carro, advertiu de que as actuacións non están a resolver os problemas xerados e reclamou medidas inmediatas. Segundo explicou, os danos nas propiedades da veciñanza foron comunicados en varias ocasións, tanto durante a execución dos traballos como con posterioridade, pero un ano despois do remate das obras aínda non se correxeron.

Queixas pola seguridade nos carrís de servizo

Carro asegurou tamén que os carrís de servizo habilitados na zona funcionan na práctica como vías de adiantamento, nun contexto no que, segundo o BNG, non se respectan nin os límites de velocidade nin a sinalización. A situación, sosteñen, provoca risco para os residentes que entran e saen das súas casas e xa causou incidencias na escola infantil próxima.

Entre as demandas recollidas na iniciativa tamén figura a necesidade de habilitar máis estacionamento no treito sentido Betanzos-A Coruña. O BNG considera que as obras suprimiron moitas prazas nun ámbito con vivendas e negocios e sostén que hai espazo suficiente para crear novas prazas xunto á escola infantil, co obxectivo de mellorar a seguridade, especialmente nas horas punta de entrada e saída do alumnado.

Un núcleo dividido pola N-VI

O BNG critica ademais o impacto urbanístico da reforma, que deixou unha mediana de formigón e, ao seu xuízo, partiu Guísamo en dous. A formación entende que a N-VI debería ser humanizada ao seu paso polo núcleo, tendo en conta que atravesa unha das principais zonas habitadas do concello.

A reclamación inclúe tamén melloras no paso sobre a AP-9, unha infraestrutura que, segundo o BNG, presenta problemas de accesibilidade e conservación. Denuncian que non permite o paso de carriños nin de cadeiras de rodas e que o movemento das lousas xera inseguridade entre os peóns, polo que moitos acaban circulando pola propia vía.

A iniciativa presentada por Rego busca que o Estado actúe sobre un punto que, segundo a organización, segue acumulando deficiencias estruturais, de mobilidade e de seguridade no centro de Guísamo.


También te puede interesar