12.6 C
A Coruña
martes 26 septiembre 2023
InicioSociedadA corporación impulsa un plan sociocultural, económico e de vivenda que revitalice...

A corporación impulsa un plan sociocultural, económico e de vivenda que revitalice Os Mallos e a Sagrada Familia e mellore a súa seguridade

O pleno aprobou por unanimidade unha moción conxunta de cara a mellorar a calidade de vida destes dous barrios

A corporación aprobou hoxe na sesión plenaria e por unanimidade unha moción conxunta para impulsar un plan de rexeneración e revitalización nos barrios dos Mallos e a Sagrada Familia que atenderá a mellora do acceso á vivenda, da seguridade e dos espazos públicos e que fará fincapé nas persoas maiores, nas máis vulnerables e na mocidade. O voceiro municipal, José Manuel Lage Tuñas, indicou que esta moción vai en sintonía cunha das prioridades do Goberno de Inés Rey que é “a procura do benestar da cidadanía dotando a todos os barrios de equipamentos básicos e servizos que redunden nunha mellor calidade de vida e unha maior seguridade”. Neste sentido, o Concello investiu máis de 28 millóns de euros nos barrios e a previsión é que de aquí a 2023 se dirixan un total de 87,5 millóns de euros a todos os distritos da cidade.

Fronte aos casos de ocupación ilegal de vivendas que se están a dar nos Mallos, o concelleiro indicou que non podemos fuxir do momento que estamos a vivir: “Hai cuestións ás que non lles podemos virar a cara”. Neste aspecto, lembrou que hai un ano a postura do Goberno local foi firme canto a invadir propiedades alleas: “Daquela dixen tolerancia cero coa ocupación porque cando hai unha ocupación hai un acto delitivo, pero non podemos quedar aí”. A realidade esixe, segundo o responsable municipal, a implicación de todas as administracións para establecer políticas públicas acordes coa situación: “O que non se pode facer é utilizar este tipo de situacións con fins partidistas”. Lage Tuñas sinalou a necesidade de abordar este problema desde unha perspectiva integral porque existen factores de política social e económica que inflúen nesta problemática.

Na moción inclúense melloras de accesibilidade e humanización destes dous barrios así como unha serie de actuacións conxuntas que incluirán a rehabilitación de edificios antigos e en mal estado e a dinamización de baixos baleiros, ademais de propulsar medidas que favorezan o acceso á vivenda. Proponse tamén a posta en marcha dun plan preventivo e de persecución da delicuencia coa presenza de policía de barrio, que detectará os puntos conflitivos e as ocupacións ilegais.

Por outro lado, as forzas coinciden na necesidade de captación de persoas residentes universitarias a través dunha oferta de vivenda de alugueiro e a mellora da conectividade cos campus en bus e carril bici. O benestar social da veciñanza é outra das liñas principais coa creación dun plan sociocultural co que lle dar máis cobertura á veciñanza, en especial, ás persoas maiores nos centros cívicos, así como eventos e actos culturais que fomenten a convivencia nos barrios. Trátase de propiciar unha cooperación social e de reforzar o seguimento de casos de vulnerabilidade con programas para combater estas situacións de risco de pobreza e exclusión social. Para a mocidade, a corporación formula foros de participación para expresar as súas demandas e un punto do CMIX que lles asesore en cuestións de igualdade e non discriminación.

Redacción
Redacción
Contenido publicado por la redacción de Noticias Coruña.
ARTÍCULOS RELACIONADOS

SÍGUENOS EN REDES SOCIALES

spot_img

Últimas publicaciones

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies