A concelleira Yoya Neira anunciaba a achega de 733 propostas, mentres que un concello moito menor como Cambre, nun proxecto similar recibiu mais de 400 iniciativas.
Os coruñeses e coruñesas presentaron ao Concello 733 propostas para decidir o destino de 2,5 millóns de euros dos orzamentos da cidade. Por distritos, o que recibiu un maior número de propostas, foi o Distrito 7 con 174 aportacións, seguido do Distrito 8 con 65 propostas. En total recibíronse 184 aportacións para distribuír os 1,5 millóns de euros destinados aos distintos barrios da cidade. Todas as propostas presentadas pódense consultar na web www.nacorunacontas.coruna.gal
Durante o proceso de recollida de propostas leváronse a cabo diferentes accións para difundir o programa como encontros con entidades veciñais, socioculturais e do terceiro sector co obxectivo de explicarlles de primeira man o funcionamento da iniciativa e animalos a participar. O Concello, ademais, habilitou puntos de información específicos na rede de bibliotecas, centros cívicos e rede de puntos de información xuvenil.
A diferencia da Coruña no concello de Cambre tivo un forte impacto o tecido asociativo. Membros do Goberno Municipal percorreron as distintas asociacions veciñais para engadir deste xeito as propostas de cada entidade.
Os técnicos municipais redactarán un orzamento para cada proxecto escollido das propostas que reciban máis apoios. A última fase, a votación final, levarase a cabo entre os días 17 e 24 de novembro e nela cada votante poderá apoiar proxectos de cidade que non rebasen o límite orzamentario de 1 millóns de euros do plan e outros proxectos para tres distritos cun máximo de 150.000 euros por distrito. Os resultados publicaranse entre os días 26 e 30 de novembro.