Os bonos PRESCO estarán activos desde o 15 de setembro ata o 30 de novembro
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases que regulan as axudas a persoas autónomas, microempresas e creadoras/es recollidas no PRESCO 2021 co obxectivo de que se poidan solicitar as axudas do 1 ao 15 de setembro.
As bases aprobadas recollen a aprobación de 4.000.000 de euros en axudas directas para persoas autónomas e microempresas para o pago de cotas da Seguridade Social, mutualidades de autónomos/as, pago de cotas polo persoal a cargo da empresa e alugueiros de locais comerciais de hostalaría ou do sector servizos.
As/os beneficiarias/os poderán solicitar 2.000 euros de axuda en total tendo que elixir entre as diferentes opcións e só terán que presentar unha declaración responsable, o que simplificará e axilizará notablemente os trámites administrativos con respecto a 2020. Ademais as persoas beneficiarias terán a opción de presentar directamente a xustificación do gasto, polo que no caso de cumpriren cos requisitos recibirán o ingreso do 100% da axuda nun só pago.
O concelleiro de Economía, José Manuel Lage Tuñas, destacou o esforzo realizado por todos os grupos para melloraren a convocatoria de axudas de feito que con estas novas bases “as axudas serán moito máis áxiles na súa tramitación e sinxelas de pedir por parte das e dos interesados”.
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases das axudas á contratación de novo persoal. Poderán optar a esta subvención de 2.500 euros as empresas ou autónomas/os que contrataran persoal entre xaneiro e agosto de 2021 de forma indefinida ou temporal sempre que a duración do contrato sexa de polo menos un ano. Tamén se aprobou a convocatoria de axudas para a creación artística para creadoras/es empadroadas/os na cidade para as modalidades de artes plásticas e escénicas, literatura, audiovisual, fotografía e música. As bolsas teñen un importe máximo de 3.000 euros e inclúen un soporte básico á creación de 600 euros.
Todas estas axudas poderán solicitarse a través da sede electrónica do Concello sede.coruna.gal do 1 ao 15 de setembro de 2021.
O voceiro do goberno destacou que coa aprobación do novo PRESCO “cumprimos co compromiso da alcaldesa, Inés Rey, coa realización dun esforzo especial para lles axudar ás persoas que máis estaban a padecer os efectos da pandemia e creo que hoxe podemos constatar que fomos máis lonxe que ningún outro concello en Galicia e practicamente en España no cumprimento dese obxectivo”.
Bonos PRESCO a partir do 15 de setembro
Os establecementos/servizos da cidade poderán adherirse ao programa desde o 6 de setembro e o límite máximo do importe de bonos por establecemento será de 5.000 euros