12.6 C
A Coruña
miércoles 27 septiembre 2023
InicioUrbanismoAvanzan as obras do corredor verde de Novo Mesoiro

Avanzan as obras do corredor verde de Novo Mesoiro

A alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse a recuperar o proxecto do corredor verde, para o que as veciñas e veciños cederan os terreos

O Concello avanza nas obras para a creación do corredor verde de Novo Mesoiro. Tras máis de seis anos de espera, será unha realidade este verán. A alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse a recuperar o proxecto do corredor verde, para o que as veciñas e veciños cederan os terreos, despois dunha reunión celebrada hai uns meses en que a asociación veciñal lle pediu á alcaldesa a creación dunha zona de lecer para o barrio. O pasado mes de marzo, a rexedora presentoulles á veciñanza e mais ás e aos escolares do barrio o proxecto para a creación dunha senda natural entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume.

A alcaldesa lembrou que o corredor é unha demanda histórica da veciñanza que despois de moitos anos o Goberno local que encabeza logrou desbloquear. “Un proxecto que ten como obxectivo crear un espazo verde, garantir a accesibilidade a todas as persoas e mellorar a seguridade viaria”, sinalou a rexedora.

A intervención ten como finalidade ordenar o interior da mazá entre os edificios situados entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume. Deste xeito, obterase unha área verde e de lecer para a veciñanza ao tempo que se revalorizará o espazo público aumentando a superficie vexetal, de paseo e xogo.

No proxecto actual, o corredor verde terá unha superficie de 7.000 m2 repartidos en dúas zonas de 3.500 m2 cada unha. A parte inferior contará cunha zona de xogos infantís aproveitando o desnivel existente na topografía do terreo. O novo parque disporá de mobiliario urbano, como bancos e mesas, para potenciar o paseo e o descanso das persoas usuarias.

Até o momento, a parte central xa posuía unha zona peonil cun xogo de ramplas e escaleiras que resolvían as conexións a distintas cotas coas rúas. Agora trazaranse novos camiños dun pavimento brando que conectarán o espazo central cos parques infantís xerando un paseo en medio dun xardín natural.

Plantaranse especies vexetais e árbores de porte baixo, como arces, photinias ou camelios, co fin de ocultar as traseiras dos garaxes existentes e mellorar as vistas desde as xanelas dos edificios que dan ao corredor verde.

Para Rey, a creación deste espazo vai na liña que segue o Goberno local de facer protagonista a todo os barrios, de crear novos espazos para o paseo e a convivencia, recuperar zonas abandonadas e aumentar as zonas verdes que poñan en valor os barrios: “É necesario seguir traballando, proxectando e investindo en barrios consolidados para mellorarmos as condicións de vida da cidadanía atendendo as demandas veciñais, escoitando e recollendo as súas propostas”.

ARTÍCULOS RELACIONADOS

SÍGUENOS EN REDES SOCIALES

spot_img

Últimas publicaciones

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies