Aprobado o calendario de festivos locais de 2022 en que se fixa o martes de Entroido, e mais o día da patroa da cidade, a virxe do Rosario, despois de que a Xunta de Galicia decretase San Xoán como día festivo.
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, anunciou esta mañá en rolda de prensa, tras a realización da Xunta de Goberno Local, a adxudicación das obras de rehabilitación dos campos da Torre – Arsenio Iglesias por máis dun millón de euros. “Trátase dun paso máis na nosa aposta por fomentar o deporte base da cidade e dotar de boas instalacións á práctica das distintas especialidades”, sinalou a rexedora. As obras de mellora, cun prazo de execución de catro meses que poderían reducirse, consistirán no cambio do céspede a un de última xeración, a modificación do sistema da rega automática e a renovación dos vestiarios.
Os campos de fútbol da Torre, dixo, son un dos epicentros deportivos da cidade e por iso necesitamos que a infraestrutura fique adaptada ás necesidades das persoas usuarias. “Por estes campos pasan cada mes 18.400 persoas o que dá idea da importancia de rehabilitalos e poñelos nas mellores condicións”, indicou Rey.
A alcaldesa destacou que “os asuntos que hoxe vimos de aprobar na Xunta de Goberno Local son un impulso para solucionar vellas demandas veciñais como o saneamento do barrio da Zapateira, no que levamos investidos máis dun millón de euros, o comezo das obras do campos de fútbol da Torre e o arranxo dunha parcela do Castrillón que leva paralizada máis dunha década”.
Rey indicou que o Concello continúa co plan de mellora do saneamento nos barrios da
cidade, en concreto, coa construción da rede de saneamento en distintas rúas da Zapateira para a correcta condución das augas residuais e o seu correspondente tratamento. Deste xeito, constatou, “evitamos un dos principais problemas que afectaban á contaminación da ría do Burgo por mor das filtracións do saneamento ao esteiro e dotamos dun servizo esencial a unha poboación que durante anos foi esquecida pola administración local”. O Goberno local aprobou hoxe un investimento de 289.336 euros, en parte con cargo ao POS, para executar o saneamento das rúas Salzburgo e Roma, na Zapateira. Con estas actuacións, o Executivo que encabeza Inés Rey levaría investidos xa case un millón de euros na rede de saneamento da Zapateira, nas rúas Atenas, Burdeos, Dublín e Venecia. O obxectivo, asegurou, é ampliar a rede de saneamento para a correcta condución das augas residuais e o seu tratamento.
Esta mañá aprobouse tamén de xeito definitivo o cambio do sistema de actuación de
compensación e cooperación dunha parcela en Antonio Ríos, no barrio do Castrillón, para continuar coa urbanización de acordo co proxecto de compensación aprobado. A rexedora apuntou que “a veciñanza da zona levaba moito tempo pedindo que se arranxase esta parcela e agora, con este cambio do sistema de actuación, o Concello intervirá para a súa mellora, aínda que será aboado pola promotora ao non iniciar os seus traballos tal e como se lle requiriu”.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o calendario de festivos locais para 2022: “Despois de que a Xunta de Galicia decretase San Xoán como día non lectivo, o Concello optou por fixar o día da nosa patroa, a virxe do Rosario, e mais o martes de Entroido por todo o que significa para nós esa xornada choqueira”, concluíu Rey.