Podemos Sada considera que as subvencións que o INEGA acaba de publicar para subvencionar este tipo de iniciativas supón unha moi boa oportunidade para as entidades locais.
Podemos vén de instar ao Concello a aproveitar as subvencións do INEGA publicadas no DOG e iniciar a solicitude da axuda para contratar asistencia xurídica e técnica para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais. O prazo de presentación das solicitudes comeza o 28 de marzo de 2023 ás 9.00 horas e rematará o 15 de xuño de 2023, “Non hai tempo que perder, Sada ten que chegar a ser un referente de concello sostible”
“Sada debe aproveitar cada oportunidade para avanzar na eficiencia enerxética é avanzar en aforro para a veciñanza”, indica o candidato á alcaldía de Podemos, Miguel Huguet quen insta ao Concello “a dar o primeiro paso” solicitando as subvencións do INEGA para “a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais”, .
Ademais, o candidato á alcaldía valora positivamente que tamén se fale da posibilidade de agrupacións de Concellos para a compra de enerxía. “A colaboración con outros concellos é precisa,e deberá de abordarse dende o punto de vista técnico. Calquera iniciativa que vaia na liña de fomentar a colaboración e o aforro son benvidas”. Nese senso, recorda Podemos as dificultades derivadas pola suba da enerxía durante o último ano “e o sobrecuste que isto supuxo para as arcas locais”.
Por outra banda, Podemos cre que o Concello tamén debe ser facilitador da creación de comunidades enerxéticas en Sada. A formación pon o foco “no descoñecemento e dificultade de acceso da poboación ás subvencións”, polo que Huguet incluirá no seu programa “ a creación dunha oficina municipal para a transición enerxética” co fin de acompañar á veciñanza na solicitude das axudas, incluíndo as de rehabilitación enerxética, e que “ a oportunidade de aforro e benestar estea ao alcance de todas as persoas en todas as parroquias”.