A técnica de inserción desprazarase os tres primeiros mércores de cada mes para atender as demandas das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral que solicitaron, con cita previa, este servizo.
A partir da data do 12 de abril, o servizo de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desprazarase ata o Concello de Cambre para atender as necesidades das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral deste municipio.
Os espazos municipais situados na Rúa Río Miño, nº 6, serán cedidos para esta atención por parte do Concello, tras un acordo entre COGAMI e Concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez Nieto, para poder atender in situ ás persoas que viven no municipio, evitándolles o desprazamento ata as instalacións centrais que COGAMI ten en A Coruña.
O servizo de Emprego de COGAMI é unha aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral e, para este fin, ofrece intermediación, orientación e prospección de Emprego ás persoas que teñen un certificado oficial de discapacidade ou de incapacidade laboral para profesión habitual da Seguridade Social.
Sendo centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, autorizado como Axencia de Colocación co nº 1200000003, o servizo conta con preto de cincuenta profesionais de orientación laboral e axentes de emprego que atenden tanto en zonas urbanas como rurais de toda Galicia.
A orientadora laboral, Yolanda Grandal, será a encargada de atender ás persoas usuarias do servizo no Concello de Cambre, que rexistra actualmente 167 persoas inscritas na bolsa de emprego, das que 105 son homes e 62 son mulleres.