A alcaldesa, Inés Rey, destacou a nutrida representación de colectivos coruñeses que traballan por manteren vivo o noso patrimonio e aos que o Concello ten a obriga de apoiar visibilizando as súas propostas escénicas.
O Goberno de Inés Rey entende que os colectivos que promoven a cultura de raíz así como outras expresións musicais asentadas na Coruña e habitualmente excluídas dos circuítos convencionais son necesarias para que a tradición persista e forme parte da cultura popular da cidade. Para iso, destina 150.000 euros co fin de axudar as entidades musicais coruñesas. A través do IMCE, abrirá este luns o prazo de presentación de solicitudes para as axudas a entidades musicais locais 2021 coas que apoiará a todas aquelas que traballan por manteren vivo o patrimonio cultural e que non se esqueza. Esta convocatoria pecharase o 10 de xuño.
A alcaldesa sinala que afortunadamente contamos cun nutrido número de entidades locais que dinamizan a programación cultural: “O Concello ten a obriga de lles dar acubillo ás súas propostas escénicas para que poidan compartir todo ese grande esforzo que realizan por salvagardar a nosa tradición”. As entidades solicitantes poderán entregar os seus proxectos no Rexistro oficial do IMCE, na avenida da Mariña, 18, con cita previa, que se obterá chamando ao teléfono 981184233 ou ben na páxina web https://citaprevia.coruna.gal/citaprevia/. Tamén poderán presentalos a través do rexistro electrónico da sede electrónica municipal https://sede.coruna.gal/sede/gl.
Sobre a valoración das proposicións, o xurado terá en conta a súa orixinalidade e calidade, o número de compoñentes, o vestiario, a instrumentación, a posta en escena e mais a traxectoria da entidade ao longo do tempo. A comisión encargada de ditaminar as mellores montaxes estará composta polo concelleiro delegado do IMCE, unha/un técnica/o do IMCE e unha/un representante do mundo artístico e musical.
Os proxectos presentados puntuaranse de 0 a 10 e terán que ter un mínimo de 5 puntos para optar ao Plan de apoio a entidades musicais locais. Na solicitude, os colectivos aspirantes deberán describir o espectáculo, que se ofrecerá en 2021 e concretar o número de rexistro no REMA, o caché e número de actuacións que se propoñen e o número de compoñentes tanto da asociación como das persoas que participarán na posta en escena.