O 19 de abril, ás 9:30h. e ata as 18:30h. a entidade membro de COGAMI, Párkinson Galicia Coruña organiza as V Xornadas de Párkinson: Investigación e Innovación na EP nas instalacións da Fundación Barrié de A Coruña.
Trala inauguración deste evento a cargo do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo, a concelleira de Benestar Social do Concello de A Coruña, Yoya Neira, e a presidenta da asociación Párkinson Galicia Coruña, Milra Oreiro, iniciarán as ponencias, foros e mesas redondas nas que 16 profesionais da medicina e especialistas no tratamento do párkinson, proporcionarán unha visión completa do presente e futuro desta patoloxía.
Entre os temas que se van tratar están: Unha visión 360º do párkinson na actualidade. Libro branco do párkinson; Que nos aporta a intelixencia artificial?; O papel das persoas na investigación. Un ti a ti; Novos tratamentos farmacolóxicos aprobados en investigación. O paciente, a prioridade; Como inflúe a xenética na enfermidade de párkinson? Últimas investigacións; Investigación e innovación na enfermidade do párkinson.
Esta xornada estará aberta á cidadanía malia que, por cuestións de aforo, será necesario reservar praza enviando un correo electrónico a info@parkinsongaliciacoruna.org no que se debe indicar o nome, apelidos e número de teléfono da persoa que vai asistir. Outra maneira de poder seguir a xornada é a través de streaming, inscribíndose na canle Youtube da entidade con este enderezo https://www.youtube.com/watch?v=uqUOL_UDwxs