A Coruña segue a ser a cidade galega máis cara para vivir de alugueiro: o prezo medio volveu subir en marzo até os 595 euros, cun incremento acumulado do 21% en catro anos
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, comprometeuse hoxe a aplicar as medidas da nova Lei de Vivenda para reducir o prezo do alugueiro na cidade, que un mes máis volve ser a máis cara de Galicia. “A nova Lei de Vivenda está lonxe das expectativas creadas polo propio Goberno nos últimos anos e, desde logo, das demandas da PAH e os sindicatos de inquilinas, pero o seu desbloqueo é un avance que non se pode
desaproveitar á vista da gravidade da situación; debería aprobarse e aplicarse o antes posible, porque lles dá aos concellos ferramentas”, explica o candidato.
En marzo, o prezo medio do alugueiro na Coruña volveu subir ata os 595 euros ao mes (fronte aos 583 de febreiro), segundo os datos do Observatorio de Vivenda da Xunta. Nos últimos catro anos, o incremento acumulado foi do 21%, facendo da Coruña a cidade máis cara de Galicia para vivir de alugueiro. Por iso, reúne as condicións recollidas no último borrador da lei para declarar mercado tensionado. Isto permitiría limitar os alugueres e conter o encarecemento, o que responde parcialmente ao que demandabamos no acordo de vivenda asinado co goberno local en decembro 2021: que a lei puidese ter efectos máis alá de Madrid e Barcelona.
O bloqueo dana ás inquilinas e aos inquilinos, non a Pedro Sánchez
“A Coruña precisa un goberno ao que non lle trema a man á hora de aplicar políticas públicas polo dereito á vivenda, e vaino ter un en maio”, asegura Xan Xove. Lamentablemente, a acción dos concellos vai estar condicionada polas comunidades autónomas, que teñen dereito de veto sobre os mecanismos de limitación dos alugueiros, por iso reclamámoslle ao PP que sexa consciente da grave situación que vivimos e non empregue a Xunta como ariete: “Non lle faría dano a Sánchez, senón ás inquilinas e aos inquilinos”.