“Queda un mes para as eleccións e seguiremos a traballar duro cada día para gañar a confianza da cidadanía: cara a cara, barrio a barrio e con propostas claras”, declarou Xove
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña nas eleccións municipais do 28 de maio, fixo
hoxe un chamamento a sumar vontades en torno á Marea Atlántica, “a forza que decide
na Coruña”. Xove lembrou que a plataforma municipalista é a única das alternativas
electorais que toma as súas decisións na cidade e pola cidade, sen renderlle contas a
ninguén máis que á veciñanza coruñesa: “Somos A Coruña 100%”. E que as enquisas
e o sentir da rúa están a indicar claramente que terá unha capacidade decisiva para a
formación dun goberno progresista e un proxecto transformador en María Pita.
Xove participou hoxe nunha sesión vermú organizada pola Marea Altántica na Praza do
NHumor, ao pé da súa sede, coa asistencia dunhas 200 persoas. na que tamén
interviñeron o ex-alcalde Xulio Ferreiro, a voceira municipal, María García, e a número
dous da candidatura, Bea González de Canales. Todos eles lembraron como o traballo
da Marea, sempre da man da veciñanza e a mobilización social, logrou nos últimos
anos avances que foron sinalados coma “imposibles”, pero resultaron ser cuestión de
vontade e decisión: a apertura dos peiraos, a Renda Social Municipal, o crecemento no
uso da bici e o transporte público ou a gratuidade das escolas infantís, entre moitos.
O líder da forza municipalista salientou que “queda un mes para as eleccións, un mes
para demostrar que na Marea somos xente de confianza” e prometeu que “seguiremos
traballando duro e sen parar, barrio a barrio, cara a cara, e con propostas concretas
para afrontar problemas reais da cidade e gañar a confianza da cidadanía”.
Non prometemos vivenda pública en abstracto, dicimos canta: 250 pisos en alugueiro
asequible. E dicimos onde: nas parcelas municipais de Xuxán. Non prometemos
mellorar o bus sen máis, sinalamos o camiño para crear unha empresa municipal de
transportes en 2024, cando remate a concesión. Non só falamos de poñer a vida no
centro, falamos de crear unha empresa municipal de coidados que mellore desde o
público servizos coma as escolas infantís, a canguraxe, a asistencia a domicilio e a
atención psicolóxica. Por iso a Marea Atlántica é a opción que decide na Coruña, a que
leva oito anos marcando, para mellor, a axenda política da cidade.
Publicación do Mapa das Enerxías Renovables
Doutra banda, María García, concelleira de Medio Ambiente no pasado mandato,
valorou hoxe a publicación dalgúns datos do Mapa das Enerxías Renovables por parte
do goberno local, unha iniciativa pactada coa Marea Atlantica en 2019 e que, por fin,
parece saír do caixón no que estaba gardada. A elaboración deste mapa a través de
EMALCSA, foi iniciativa do noso grupo en 2020 e formou parte do primeiro acordo
orzamentario, que tardou 3 anos en materializarse. “Temos constancia de que está
rematado desde hai meses, pero o goberno preferiu agardar aos tempos de campaña
para facer públicos os resultados”.
García afirmou que esta “é unha mostra máis de como as principais innovacións
políticas deste mandato son froito da iniciativa da Marea Atlántica, e de como o PSOE
carece de políticas ambientais e climáticas propias”. E engadiu que “o adianto de hoxe
amosa bos resultados, identificando 47 espazos en edificios públicos con capacidade
para producir enerxías renovables, e a potencia que poderían xerar. Pero cómpre
publicar o mapa completo para que a cidadanía poda tamen acceder a esa información,
e identificar que tipo de instalacións poden situarse en cada lugar”.
O mandato remata, por desgraza, con moitos outros acordos en materia enrexética sen
cumprir. A empresa municipal de enerxía leva máis dun ano atascada en fase de
estudo. O plan de emprego e formación relacionado coas enerxías renovables non
chegou a comezar. Non se constituíu a Oficina da Enerxía para asesorar á veciñanza
sobre como baixar a súa factura da luz. E tampouco se puxeron en marcha as
instalacións piloto para producir enerxía renovable. Terá que facelo á Marea Atlántica,
de volta no goberno a partir do 28 de maio