Os traballos, que contarán cun orzamento de case 21 millóns de euros, inclúen a creación dun novo enlace de saída cara á avenida de San Cristovo, así como a ampliación de espazos entre Maristas e Agra do Foxo
A alcaldesa, Inés Rey, e o director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA), Juan Pedro Fernández Palomino, presentaron esta mañá en Matogrande o proxecto construtivo para a ampliación de capacidade de Alfonso Molina, paso previo á licitación das obras, compromiso asumido polo Ministerio para este primeiro semestre de ano. Ao acto asistiron tamén a delegada do Goberno en funcións, María Rivas, o portavoz do executivo local, José Manuel Lage Tuñas, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego.
O proxecto para mellorar a capacidade da avenida dá continuidade á folla de ruta plasmada
polo Concello e o Ministerio, que abrangue tres fases de traballos. A primeira, a instalación
dunha pasarela peonil entre Pedralonga e Palavea, comezou en maio de 2022. “Agora,
encarrilamos a segunda fase, a máis importante, coa futura ampliación de capacidade de
Alfonso Molina, unha intervención que costeará, de forma íntegra, o MITMA. O orzamento
de execución material é de case 21 millóns de euros, e o prazo estimado para a conclusión
das obras, unha vez estén en marcha, será de 24 meses”, detallou Inés Rey.
A remodelación prevista en Alfonso Molina afectará, principalmente, ao tramo que conecta a Ponte da Pedra coas conexións de entrada e saída coa AP-9. O pasado mes de outubro, o
Concello solicitou ao Ministerio a titularidade deste tramo, polo que as autoridades municipais pasarán a ser responsables da súa conservación e mantemento cando o MITMA
remate os traballos previstos.
“Estes traballos permitirán a disposición de catro carrís por sentido neste tramo de Alfonso
Molina, aumentando a capacidade do tronco principal da avenida cun carril máis por
sentido. E é vital facelo neste tramo en concreto, porque é onde se redistribúe o tráfico
rodado que entra e sae da cidade, ben cara aos barrios, os polígonos empresariais ou o
campus universitario de Elviña”, apuntou a alcaldesa.
Este tramo da avenida, entre a Ponte da Pedra e a AP-9, soporta o paso de aproximadamente 120.000 vehículos diarios, e as estimacións do Concello elevan esta cifra
a case 160.000 para finais da próxima década. “Desde o ano 2003, foron moitos os gobernos que anunciaron a ampliación da avenida, que por uns motivos ou outros foi
posposta. Hoxe, por fin, temos o proxecto construtivo, documento necesario para licitar as
obras, tal e como se comprometeu a ministra Raquel Jiménez, e remodelar a avenida”, dixo
Inés Rey.
Un novo acceso á avenida de San Cristovo
A intervención prevista en Alfonso Molina permitirá a incorporación dun enlace, tipo trevo,
en sentido de saída cara a avenida de San Cristovo, enlace inexistente actualmente e que
facilitará a redistribución do tráfico cara enclaves como Matogrande, Eirís ou o Barrio das
Flores. En paralelo, o MITMA prevé a creación dun novo vial de acceso desde a avenida de
San Cristovo para incorporarse a Alfonso Molina, cunha envolvente sobre este enlace trevo.
“Será unha infraestrutura coa que se poderá mellorar, e moito, o fluxo de tráfico rodado na
contorna de Elviña, Someso, O Birloque e Martinete”, agregou Inés Rey.
Tamén na parte dereita de Alfonso Molina, nesta segunda fase do proxecto de remodelación
da avenida, rectificarase a vía de saída cara a avenida García Sabell, no sentido de
circulación cara ao polígono de Pocomaco. Este vía incorporarase como un terceiro carril,
ao remodelarse tamén toda a calzada do paso que hai baixo Alfonso Molina, e que tamén
conecta coa rúa Enrique Mariñas Romero, en Matogrande.
Ademais, o viario de acceso desde García Sabell con Alfonso Molina tamén pasará a
incorporarse como un novo carril da avenida, sumándose á súa vía principal e dándolle
continuidade ata o seguinte enlace coa AP-9.
Melloras nos accesos á Agra do Foxo e o colexio Maristas
No referente á calzada esquerda de Alfonso Molina, en sentido de entrada á cidade,
aproveitaranse os bordos lindeiros da estrada para a disposición de dous carrís máis, no
tramo entre o colexio Maristas e Matogrande. Os dous novos carrís, ideados para segregar
o tráfico rodado desde a AC-11, permitirán a mellora de accesos ao colexio e tamén á zona
da Agra do Foxo, embocando posteriormente na vía de acceso á rotonda onde conflúen a
rúa Enrique Mariñas Romero e a avenida García Sabell.
Substitución da pasarela peonil entre Xuxán e San Vicenzo de Elviña
Na segunda fase da remodelación de Alfonso Molina, o MITMA prevé acometer as obras de
demolición da pasarela peonil que conecta San Vicenzo de Elviña con Xuxán, para a súa
substitución por outra pasarela totalmente nova, e que estará directamente conectada cos
novos accesos peonís que se crearán a un lado, e a outro, de Alfonso Molina, tanto en San
Vicenzo como en Xuxán.
Ademais, neste contexto, e aproveitando os espazos dispoñibles á beira da avenida,
acometeranse melloras de accesibilidade en cinco paradas de autobús: nas de Matogrande,
a parada de acceso ao centro comercial Carrefour, a de San Vicenzo de Elviña, na Agra do
Foxo e tamén nas proximidades do Camiño da Felga, preto do ramal de acceso a Palavea e
A Zapateira. Co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas, todas as paradas estarán
máis alonxadas dos carrís de circulación, en comparación á súas localización actuais