12.6 C
A Coruña
miércoles 17 agosto 2022
InicioCulturaO 34 Festival Noroeste Estrella Galicia mantén a súa esencia e calidade...

O 34 Festival Noroeste Estrella Galicia mantén a súa esencia e calidade con 25 concertos do 6 ao 8 de agosto repartidos en catro escenarios

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que o cartel terá representación feminina nun 40% e que case a metade das agrupacións son galegas, nove son nacionais e catro internacionais (Cimafunk, Javiera Mera, Morgane Ji e Raül Refree)

A alcaldesa, Inés Rey, presentou este mediodía xunto a Antonio Viejo, director corporativo da Corporación Hijos de Rivera, a 34 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que terá lugar do 6 ao 8 de agosto e conservará toda a súa esencia e calidade nunha versión similar á do ano pasado que finalmente non se puido realizar. Precisamente, a rexedora explicou que nesta entrega terán cabida artistas que en agosto de 2020 non se puideron subir ao escenario e indicou que o cartel terá representación feminina nun 40%.

Rey destacou que haberá catro escenarios co fin de manter a expansión do festival polos barrios: praza de María Pita, parque Santa Margarida, Parque Europa e Campo da Leña, onde actuarán 25 formacións, das que catro son internacionais (Cimafunk, Javiera Mena, Morgane Ji e Lina & Raül Refree), 9 nacionais e 12 galegas. “Será un festival para todos e todas, que abarca unha amplitude de estilos nunca antes vista e que marca o punto de inicio a un gran proxecto que queremos que sexa un dos elementos clave da unión de cultura, comercio, cidadanía e turismo na nosa cidade”.

“Trátase dun cartel de calidade e equilibrado que procura chegar a públicos con gustos musicais moi dispares”. A alcaldesa afirmou que o conxunto de artistas pertencen a distintas xeracións e son de procedencias distintas co obxecto de conformar unha multiculturalidade que é, á súa vez, “a esencia da nosa cidade”. Por outra parte, nesta edición renderáselles unha homenaxe a Nonito Pereira e Jaime Manso, que lles porán nome aos escenarios de María Pita e Santa Margarida por todo o que contribuíron á cultura musical da Coruña. Estes dous escenarios e o do Parque Europa contarán con sesións os tres días ás 20.00 e 22.30 horas.

Ademais haberá sesións vermú no Campo da Leña durante as tres xornadas e en María Pita o sábado e o domingo co fin de lle axudar á hostalaría animando os ditos días ambas as zonas.

Por outra parte, Rey destacou que a metade das e dos artistas veñen ao festival con novas cancións, novo disco ou LP ou incluso estreando material que está a punto de saír.

Canto ás capacidades e dada a evolución actual da pandemia, seguirase rigorosamente a normativa e o acceso será logo da retirada previa de código QR para todas as sesións do día. Establecerase tamén un rexistro de datos persoais. Cos ditos códigos QR poderase acceder ao recinto até 15 minutos antes do inicio do primeiro espectáculo. Despois, o acceso será por rexistro físico na porta até completar a capacidade.

Todos os concertos serán sentados debido á evolución da pandemia e as localidades poderanse comezar a reservar desde tres días antes do inicio do festival en https://festivalnoroesteestrellagalicia.com/. Nesta páxina tamén se poderá ver toda a programación cos horarios de cada un dos concertos.

Redacción
Redacción
Contenido publicado por la redacción de Noticias Coruña.
ARTÍCULOS RELACIONADOS

SÍGUENOS EN REDES SOCIALES

spot_img

Últimas publicaciones

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies