A actuación permitirá crear un bulevar máis verde que conectará os barrios dos Mallos e a Sagrada Familia
O Concello eliminará o paso inferior existente no cruzamento entre a avenida de Arteixo e a rolda de Nelle recuperando o cruzamento o nivel orixinal. Así o anunciou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, quen explicou que a decisión se tomou unha vez analizados os datos de tráficos da zona co fin de adoptar a mellor solución en materia de mobilidade, e poder empezar este luns as obras para reparar os problemas estruturais que se detectaron nos muros dos ramais desta avenida. A actuación, explicou a rexedora, permitirá crear un bulevar mais verde, que conectará os barrios dos Mallos e a Sagrada Familia e contará con carril bici.
A alcaldesa lembrou que o pasado martes a Área de Infraestruturas decidiu cortar o tráfico en tres dos ramais da avenida de Arteixo para garantir a seguridade tanto de vehículos como de viandantes nese punto da rede viaria. Agora, dixo, aproveitando a intervención, remodelarase todo o cruzamento.
Rey explicou que esta intervención permite recuperar o estado orixinal desta vía humanizándoa e introducindo arboredo e creando espazos accesibles e seguros para as persoas. “Os servizos de Infraestruturas e Mobilidade están a traballar para levar a cabounha actuación que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade peonil, unir os barrios da contorna e a conexión entre eles e o parque de Santa Margarida”, dixo a alcaldesa, quen lembrou que “o Goberno segue a traballa para acadar unha cidade máis amable e, por iso, aposta por un novo modelo de mobilidade máis sostible e segura, accesible a todas as persoas”.
Rey apuntou que está previsto que a actuación comece a vindeira semana, o que permitirá, sempre que as condicións atmosféricas o permitan, que as obras estean finalizadas e a intersección operativa en Nadal.
Desde a Área de Mobilidade propoñen varios itinerarios alternativos durante a execución das obras, mantendo sempre aberto o carril dereito do ramal de acceso da avenida de Arteixo á Rolda de Nelle en dirección entrada da cidade que, na actualidade, segue en funcionamento.