12.6 C
A Coruña
lunes 29 noviembre 2021
InicioSociedadO Concello sacará a concurso oito rutas aéreas desde Alvedro para potenciar...

O Concello sacará a concurso oito rutas aéreas desde Alvedro para potenciar o turismo e a economía da Coruña

Inés Rey: “Levaremos o nome da nosa cidade a Europa e ao mundo, e abriremos as nosas portas a un crecente turismo nacional e internacional”.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o primeiro concurso público para a promoción do tráfico de pasaxeiros turístico e de negocios na cidade, concurso destinado a atraer aerolíneas a Alvedro. O obxectivo é aumentar as liñas e frecuencias coas que conta o aeroporto, atraer visitantes y dotalos de mellores conexións. Esta acción suporá un investimento de 9,7 millóns de euros durante os próximos tres anos e comprometerá ás compañías aéreas adxudicatarias a promover a imaxe da Coruña no ámbito nacional e internacional.

O concurso público consta dun total de oito lotes, aos que poderán optar as aerolíneas que operan noutros tantos aeroportos co requisito de que teñan como mínimo dúas frecuencias semanais con Alvedro. Trátase de Las Palmas de Gran Canaria, Málaga, Valencia, Amsterdam, Frankfurt, Munich, Londres Heathrow, Londres Gatwick, Paris Orly e París Charles de Gaulle.

“Un destino turístico de primeiro nivel como A Coruña ten a obriga de potenciar o seu papel no mapa turístico internacional e de potenciar tamén o seu aeroporto como elemento motor de primeiro nivel da nosa economía”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa incidiu tamén no duro golpe que supuxo para o sector turístico e tamén para o sector aéreo a pandemia de COVID e indicou que a medida, agora posta en marcha, contribuirá decididamente a darlles un novo pulo.

A alcaldesa asegura que esta medida, que será aprobada con carácter urxente e terá un prazo de presentación de ofertas de 15 días, fará crecer o número de voos e os destinos de Alvedro. “O goberno que presido é moi consciente da importancia que ten Alvedro para a cidade e a súa economía. Estamos nun momento clave, pois as compañías aéreas están a preparar a temporada de verán do 2022. Un verán que, esperemos, teña moitas menos restricións e supoña un paso definitivo para a recuperación económica de cidades como A Coruña. Para iso, hai que estar na axenda das grandes compañías. E a nosa cidade estará grazas a esta campaña histórica”, sinalou a alcaldesa.

Os oito lotes que se licitarán suporán un investimento de máis de 300.000 euros anuais cada un. A campaña estará activa os anos 2022, 2023 e 2024, con posibilidade de prórroga. “Esta promoción servirá para que A Coruña teña visibilidade neses mercados, cun gran número de visitantes potenciais que buscan destinos turísticos como o noso, mais servirá tamén para potenciar a economía local e promover a actividade empresarial facilitando os traslados e os desprazamentos tanto ao resto de España como aos destinos internacionais.”, apuntou Inés Rey.

Redacción
Contenido publicado por la redacción de Noticias Coruña.
ARTÍCULOS RELACIONADOS

SÍGUENOS EN REDES SOCIALES

spot_img

Últimas publicaciones

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies