O borrador das contas contemplará unha cantidade de 2,5 millóns de euros para os Orzamentos participativos
executivo local ten previsto recuperar a convocatoria dos Orzamentos participativos para o vindeiro ano 2022. A recuperación desta partida enmárcase no diálogo aberto entre o Goberno local e o grupo da Marea Atlántica para a negociación das ordenanzas fiscais do 2022, os novos investimentos e os Orzamentos municipais do ano 2022.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage, indicou que a intención «é destinar preto do 1% do futuro Orzamento municipal a investimentos e programas propostos directamente pola cidadanía”.
“Somos conscientes de que queda pouco tempo para facer un proceso participativo amplo, pero entendiamos que era mellor iso que renunciar a este procedemento de participación cidadá nos Orzamentos municipais”, explicou Lage Tuñas.
“As fases de participación e votación dos proxectos serán curtas porque o calendario condiciónanos, mais aínda así merecerá a pena o esforzo”, indicou.
Diálogo coa Marea Atlántica
«Na instrución para a elaboración do borrador dos Orzamentos incluímos esta partida de 2,5 millóns de euros destinada a recuperar os Orzamentos participativos, froito do diálogo aberto co grupo da Marea Atlántica para negociar novos investimentos, ordenanzas fiscais e os Orzamentos municipais do ano 2022”, aclarou Lage Tuñas.
“É un primeiro paso, froito do diálogo con Marea. Agardo que a vontade expresada por Marea Atlántica de ser construtivos permita chegar a acordos que beneficien á cidadanía en diferentes ámbitos” manifestou Lage.
“Unha das propostas que trasladou a Marea Atlántica para abrir as negociacións era acordar a recuperación dos Orzamentos participativos. Nesa liña traballamos contrarreloxo porque queda pouco tempo e somos conscientes de que as fases serán curtas” afirmou o portavoz do Goberno local.
Dende o executivo que preside Inés Rey seguirán co diálogo aberto coa Marea Atlántica “sendo conscientes -indicou Lage Tuñas- de que somos grupos diferentes e que nalgúns temas hai coincidencias e noutros evidentes desacordos, pero coa vontade de chegar a acordos progresistas beneficiosos para a nosa cidade”.
Lage Tuñas, como portavoz do Goberno, manterá novos encontros coa Marea Atlántica ao longo do mes de agosto para “seguir traballando en posibles acordos”.